Home » O recuncho do lector

Category Archives: O recuncho do lector

O derradeiro Recuncho do lector: “Non hai noite tan longa” de Agustín Fernández Paz

A recén publicada novela do Fernández Paz, e un ata sempre de Pedro

Cun estilo limpo e rico ó mesmo tempo, o novelista vilalbés cóntanos unha historia que xunta memoria, dignidade, misterio e ó final, redención persoal. Unha vila rural, un “roxo” inxustamente acusado, todas as miserias e silencios dun mundo escuro, merdallento e esmagante, dominado polo máis noxento do Franquismo. Un retrato das miserias morais que permitiron acusar a un home íntegro e inocente, a reparación dun fillo que marchou a Francia e que volve trinta anos despois  e un  proceso de redención persoal que lava a imaxe do seu pai e fai xustiza co señorito culpábel. Como todas as novelas de Paz, unha marabillosa historia e moi ben escrita. Anímovos a todos á súa lectura. Nestes tempos de indignidade e incertos un alento de memoria sempre está moi ben.

Do recén finado Ernesto Sábato, recomendación de “El Tunel”

      

Carmen Pernas, profesora de Inglés, recomenda esta novela curta do ano 1948
Lina por primeira vez estando en Santiago estudando, daquela que liamos todo o que chegaba ás nosas mans e cando os escritores hispanoamericanos estaban a publicar verdadeiras obras de arte.

      El Tunel é unha novela curta que moito me deu que falar e reflexionar e mesmo debater con outros compañeiros, porque eran tempos de inquedanza cando todo eran preguntas e non todas tiñan resposta.

     Con motivo da morte de Sábato o mes pasado relina, a sensación non foi a mesma porque eu non son a mesma.

     É unha novela subxectiva, todo o que sabemos é a través do narrador protagonista, un pintor chamado Juan Pablo Castel que é incapaz de comunicarse e vive unha soidade enfermiza nun mundo en progreso. O pintor atopa unha persoa, María Iribarne, que comprende a súa obra e a súa soidade. Castel vese quen de comunicarse intimamente, sen pararse a pensar que el e María non están no mesmo tunel senón en dous diferentes. A obra transmite pesimismo nos diálogos e nos personaxes. A esencia da novela é a soidade existencial de homes e mulleres que viven na incertidume e na inseguridade. É de doada lectura pero profunda e, a pesar dos anos, de moita actualidade.

Recomendación da obra clave da ferrolá Rosa Aneiros “RESISTENCIA”

Buscou o libro na FNAC de Lisboa, non o atopou, que desgusto!
Buscou a novela na FNAC de Lisboa e non a atopou, que desgusto!
Tivo moito que ver que  Rosa Aneiros fose de Valdoviño para que eu elixise este libro, despois a veciñanza de Portugal  tamén tivo o seu peso; mais para min, que vivo cunha persoa da “raia”, con moitos  costumes similares, parece todo máis preto.
Semella  que Rosa vivise en San Pedro de Moel nesa época, ao final o máis impactante é a “resistencia” dos seus personaxes e a loita polo que cada un cre. Dende aquela son unha lectora fiel de Rosa Aneiros e fago agasallos cos seus libros.
Eva Robles, profesora de Informática

“La melancolía” de Haruhi Suzumiya’ de Nagaru Tanigawa

Este libro regaloumo unha amiga polo Nadal e pareceume un dos máis divertidos que lin na miña vida.

1ª novela de "Anime" recomendada por Andrea Tomé de 1º Bach.Hum.

Conta a historia de Kyon, un rapaz normal que vive convencido da infabilidade das leis da física, cuxo mundo dá un xiro de 180 graos ao coñecer a Haruhi Suzumiya. Haruhi é unha adolescente que vive á espera dunha inminente chegada de extraterrestres, viaxeiros no tempo ou persoas con poderes paranormais ao seu instituto. Kyon trata de manter a estabilidade do seu universo. Haruhi non coñece o significado da palabra “imposible”. Como acabará todo isto? A fundación da Brigada SOS é só o principio!

“La casa de los espíritus” de Isabel Allende

Cristina París Brandariz, profesora de Informática

    Lin este libro cando tiña 15 anos. Foi o primeiro que lin de Isabel Allende e atrapoume dende o primeiro momento,tanto me gustou que despois seguín lendo outros da mesma autora. Narra a historia de 3 xeracións dunha numerosa e poderosa familia. Relata as súas relacións familiares, alegrías, desgrazas, amores, excentricidades e loucuras. Mestura unha historia realista coa maxia e a fantasía; ás veces resulta difícil distinguir entre o que é real e o que non. É un libro que engancha de principio a fin.

“Soledades de Ana” de Jordi Sierra i Fabra

Alba Rodríguez Formoso, alumna de 2º BACH.HUM.

Seméllame moi interesante  porque trata un tema moi actual na nosa sociedade, o aborto.Eu recomendaríao ós rapaces e rapazas xa que fala do embarazo, do aborto e as súas consecuencias e  as tolemias que ás veces cometemos pensando que o primeiro amor vai ser para sempre. O relato está ambientado nunha vila onde os rumores e “o que dirán” son o máis importante, e Ana será a vítima dos prexuízos desa comunidade na que vive.

‘El compositor de tormentas’ de Andrés Pascual

Soraya Enes Ansede, alumna 2º Bacharelato

“El compositor de tormentas” é un libro que te traslada ó Versalles do século XVII, coa Corte de Luis XVI, o Rei Sol. Matthieu, un xenio da música ansía entrar na corte e, un brutal asasinato abrirá as portas do Palacio para el, para transcribir a melodía da alma para o cobizoso Rei. Nela atópase a fórmula alquímica que permitirá ao seu dono coñecer os segredos do universo. Isto levará a Matthieu a unha perigosa expedición a Madagascar, a illa de lenda elixida pola súa pureza para resgardar a música máis antiga do mundo.

Como vedes, unha grande aventura que vos fará disfrutar.

‘Zombi. Guía de supervivencia’ de Max Brooks

Julián Ramos, alumno de 2º Bach. Hum.

Este libro é un indispensable e detallado manual para todos aqueles que queiran sobrevivir a un ataque á Escola Mundial de mortos viventes. Contén de todo: armas, preparativos,descrición dos inimigos, pautas de comportamento etc.

Escachas a rir (se non o tomas en serio),e como dixo a crítica do New York Post : “comezas a lelo por diversión e cando levas 50 páxinas saes mercar un machete tan só para estar máis seguro”.

‘My family and other animals’ (A miña familia e outros animais) de Gerald Durrell

Fátima Canosa, bibliotecaria

Este libro foi lectura obrigatoria de inglés cando estudaba na Escola Oficial de Idiomas, e creo que nunca disfrutei tanto duns deberes académicos. Só con ler o título dá ganas de pasar as follas, non si? Chea de humor e encanto, conta a historia dunha familia que abandona a súa Bretaña natal para vivir na illa de Corfú (Grecia) a través dos ollos dun neno. É unha fermosa narración dunha infancia estrana e máxica.

‘El curioso incidente del perro a medianoche’ de Mark Haddon

Belén Roca Fortúnez
Belén Roca Fortúnez

A escolla deste libro ten a finalidade de atrapar para o clube dos lectores a aqueles que non atoparon aínda o libro que lles fixera sentir que a lectura é unha forma de recreación: o escritor crea e o lector recrea. Cando a lectura dun libro nos envolve, a sensación é moito máis poderosa que calquera outra polo íntimo e persoal da experiencia. Isto, creo eu, é probable que suceda con este pequeno gran libro.
Belén Roca Fortúnez, profesora de lingua galega.

Histórico