Concurso de Microrrelatos 2016

20160412CartelMicrorelatos2Un ano máis estamos de novo perante a convocatoria do concurso de microrrelatos do CIFP Rodolfo Ucha e procuramos a implicación de toda a comunidade educativa do centro. A participación do alumnado incentivámola coma sempre, por medio da concesión de dous interesantes premios ao gañador e ao segundo clasificado no concurso. En calquera caso e para todos, animámosvos a que gocedes do pracer de escribir e de ser lidos pois coma sempre os traballos serán publicados na revista anual Efg que promove o equipo de dinamización de lingua galega. A frase que debe incluír o microrrelato, extraída do gañador do curso pasado é “… e ninguén sae …” e non debe superar as 150 palabras. Consultade as bases na seguinte ligazón: http://real.cifprodolfoucha.es/images/novas/2016/microrelatos2016_bases.pdf

Interesante servizo de préstamo de libros electrónicos

20160122E-BookDeputación

Parécenos moi interesante a iniciativa que a Deputación de A Coruña puxo en marcha para o préstamo de libros electrónicos aos usuarios das bibliotecas municipais do seu ámbito territorial e da que nos informan os nosos compañeiros da Biblioteca Municipal de Ferrol, unha das concernidas.

Deste xeito, calquera usuario da Biblioteca Municipal de Ferrol, maior de 14 anos, pode ler os libros ofertados na plataforma de préstamo de libros electrónicos http://ebook.dicoruna.es

En caso de querer acceder á devandita plataforma hai que achegar o nome, apelidos e máis conta de correo electrónico ao enderezo biblioteca@ferrol.es manifestado ademais a súa conformidade na cesión dos seus datos á Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña.

Aquí podedes acceder ao tríptico explicativo:

E_BookDeputacCoruña_PlataformaPréstamoTrípticoInformativo

Avecíñase a xornada de intercambio de libros no Ucha

TrocoLibroA nosa comunidade educativa comeza a estar afeita a que, cando se achega a fin do primeiro trimestre coincidindo coas as vacacións de Nadal, celebremos unha nova edición do TROCOLIBRO para podérmonos intercambiar aquelas lecturas que por interesantes, orixinais, entretidas, educativas, … , queiramos compartir para gozo dos demais en lugar de deixalas esquecidas nun andel da nosa casa. E tamén, visto dende a outra cara da moeda, para poder acceder libros que foron do agrado doutras persoas e que aínda, polas causas que foran, non caeran nas nosas mans.

Os libros teñen todos un valor máis ala do material. Teñen o valor intanxible do contido que transmiten e as sensacións que nos fan sentir e que é o que queremos que circule, que non quede só para nós.

O alumnado de modular será como de costume o que inaugure esta edición do TROCOLIBRO na xornada do mércores 16, e o de ordinario daralle continuidade ao día seguinte xoves 17 de decembro. Agardamos que a participación sexa, como mínimo,  tan nutrida coma en edicións anteriores  ademais tendo en conta que nesta ocasión entre o alumnado participante, imos sortear dous pares de entradas para asistir de balde, á estrea da nova entrega da saga da Guerra das Galaxias, O Espertar da Forza.

Oxalá a forza dos libros acompáñenos sempre.

Premio Cervantes 2015

20151113PremioCervantes

Xa se ditaminou o Cervantes 2015 e nesta ocasión o galardón literario foi parar á literatura mexicana representada pola figura de Fernando Del Paso Morante. Noraboa.

Nado en Cidade de México o 1 de abril de 1935 abandonou os seus estudos de medicina primeiro (disque non soportaba o sangue nin as vísceras), e os de economía despois, pola literatura.

Na súa vida demostrou seu un home versátil: escritor, debuxante, pintor, diplomático e académico, publicou poesía, teatro, contos, ensaios e, sobre todo, tres novelas que xa están consideradas como fundamentais na narrativa iberoamericana do século XX. Trátase de José Trigo (1966), que pode lerse de dúas maneiras distintas (como a súa precursora Rayuela, de Julio Cortázar), Palinuro de México (1982), segundo el, súa favorita e parcialmente autobiográfica e Noticias del Imperio (1988), centrada na historia de México.

 

A súa última novela é Linda 67. Historia dun crime (1995) pero os seus libros máis recentes son un de poesía que se titula PoeMar, e un ensaio titulado Viaje alrededor del Quijote (2004).

A biblioteca de todos

201511FondosBibliotecaFerrolOs nosos compañeiros da Biblioteca Municipal de Ferrol enviáronnos unha ligazón para podermos consultar as novas adquisicións que poñen ao dispor de todos aqueles usuarios que desexemos pasar un bo rato nas súas instalacións, ou fóra delas facendo uso do servizo de préstamo.

Incorporámola pois á nosa lista de ligazóns, agradecidos e enviándolles un agarimoso saúdo.

Premio Nóbel de literatura

20151014NobelLiteraturaRecorteEstreámonos co premio Nóbel de literatura que este ano lle foi concedido á escritora bielorrusa nada en Ucraína Svetlana Alexiévich de 67 anos de idade, entre outras razóns “polos seus escritos polifónicos que son un monumento ao sufrimento e á carraxe no noso tempo”.

É unha xornalista e escritora en lingua rusa que retratou e retrata a realidade e os dramas da poboación que conformaba a antiga URSS (A guerra trala invasión soviética de Afganistán, a catástrofe nuclear de Chernóbil, …). É moi crítica co actual goberno bielorruso. 

O seu único libro traducido ao castelán até o momento é Voces de Chernóbil que en 2006 editou Siglo XXI e reeditado en xaneiro por Debate. Agárdanse inminentes edicións de obras como A fin do homo sovieticus, a última escrita até o momento, e máis A guerra non ten nome de muller, que foi coa que se deu a coñecer en 1983.

Rexurdimos!

 

concurso_logo-1 - copiaOla, moi feliz outono a todos os que vides pescudar un ano máis a A hucha do Ucha, blog da biblioteca do noso centro.

Tralo parón estival e unha vez superados unha serie de atrancos técnicos, reavivamos de novo este espazo agradecendo a axuda dos compañeiros que dun xeito ou outro, colaboraron para poder sacalo adiante. De entre todos eles quero citar expresamente a Roberto Romero ao que recorro perante calquera problema, e aos meus antecesores Pedro Picallo e Andrés del Río a quen envío un agarimoso saúdo. Só agardo poder estar á súa altura.

Premio Princesa de Asturias das Letras

Padura

O escritor cubano Leonardo Padura foi galardoado co premio Princesa de Asturias das Letras 2015, segundo anunciou o xurado reunido en Oviedo, que destacou que a súa obra constitúe «unha soberbia aventura do diálogo e a liberdade».

A vasta obra do cubano percorre todos os xéneros da prosa amosando o interese por escoitar as voces populares e as historias perdidas dos outros.

Padura traballou como guionista, xornalista e crítico, até lograr o recoñecemento internacional coa serie de novelas policíacas protagonizadas polo detective Mario Conde. Grazas a libros como «Pasado perfecto», «Vientos de cuaresma», «Máscaras», «Paisaje de otoño», «Adiós, Hemingway», «La neblina del ayer» ou «La cola de la serpiente» o escritor cubano logrou o premio Café Gijón en 1995 e o Hammett en tres ocasións (1997, 1998 e 2005).

Tamén escribiu «La novela de mi vida» e «El hombre que amaba a los perros», unha reconstrución das vidas de Trotsky e Ramón Mercader. «Herejes», unha absorbente novela sobre un cadro de Rembrandt e unha saga xudía que chega aos nosos días, situoulle no mapa como un dos narradores máis ambiciosos e internacionais en lingua española, condición que veu a confirmarse con este galardón.

 

Ciclo de lectura sobre tres grandes clásicos: Castelao, Otero e Blanco Amor

medulio

Encontro con Xavier Alcalá no IES Sofía Casanova

http://www.aelg.org/Centrodoc/GetPhotosByAuthor.do?authorId=autor237

O día 12 de Maio, Xavier Alcalá mantivo un encontro no IES Sofía Casanova de Ferrol. En relación con dito encontro, no IES Sofia Casanova elaboraron un magnifico traballo que recolleron na seguinte páxina. Compre salientar un interesante roteiro por Ferrol e arredores baseado na novela A nosa cinza.

Podedes atopar mais información no blog da biblioteca do IES Sofía Casanova.

Histórico